Saturday 18 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 31.000 € na mellora da iluminación do campo de fútbol de Brión


A achega encádrase no Fondo de compensación ambiental co obxectivo de reducir o gasto enerxético e as emisións de CO2, así como diminuír o consumo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, visitaron hoxe as melloras realizadas no campo de fútbol de Brión, nas que a Xunta investiu 31.595 euros ao abeiro do Fondo de compensación ambiental, ao que destina este ano 11 millóns de euros.

O alcalde brionés agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia na mellora das instalacións deportivas municipais e aproveitou para solicitar a súa colaboración noutros dous proxectos, entre eles a creación do primeiro parque infantil cuberto do municipio. Neste sentido, Lago Sanmartín celebrou a boa dispoñibilidade da Administración Autonómica.

Eficiencia enerxética

As obras de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do campo de fútbol de Brión consistiron na retirada dos puntos de luz de catro torres de iluminación con catro proxectores cada unha delas, e a instalación de proxectores led de baixo consumo. O obxectivo da actuación foi o de reducir o consumo enerxético e diminuír as emisións de CO2 a atmosfera, así como acadar un importante aforro económico coa redución da factura por consumo eléctrico.

Esta actuación é un dos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, co que o Goberno galego financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.

O Concello de Brión recibiu entre 2009 e 2021 axudas por máis dun millón de euros das diferentes liñas de colaboración cos concellos abertas pola Dirección Xeral de Administración Local que, como recorda Natalia Prieto, teñen como obxectivo colaborar cos municipios na mellora das súas infraestruturas e servizos, actuacións que redundan na mellora da calidade de vida da súa veciñanza.